areavigo.org. Movemento Veciñal da Área Metrolina de Vigo

Transporte Metropolitano de Vigo

  • Inicio
  • Cuestionario
  • Sobre

Os veciños e veciñas da área perderon mais de 12 millóns de euros en axudas ao transporte público por falta de acordo entre a Xunta de Galicia e os Concellos da área.

Publicado o 28 de Novembro de 2009   
28
Nov

A área metropolitana de Vigo leva pendente de integrarse no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia dende o ano 2005.

 

Imaxe da mesa da Asamblea das Asociación Veciñais da Área Metropolitana de Vigo

Imaxe da mesa da Asamblea das Asociación Veciñais da Área Metropolitana de Vigo

O movemento veciñal da área metropolitana de Vigo, con 121 entidades de Vigo, Cangas, Moaña,Val Miñor, Redondela, Fornelos, Pazos de Borbén, O Porriño, Salceda de Caselas, reuníronse este sábado nunhas xornadas tituladas “Por unha mobilidade efectiva na área metropolitana de Vigo”, na que abordaron os problemas de transporte e circulación na citada área.

O principal tema que se abordou na xornada foi o feito de que os veciños e veciñas non contan cun sistema de transporte metropolitano integrado que permita empregar o transporte público dun xeito normalizado.

Este sistema, que xa leva operativo nas áreas de Ferrol e A Coruña dende 2005 e na área de Santiago dende 2006, suporía coordinar os distintos modos de transporte (urbano, interurbano, transporte de ría, ferrocarril de proximidade), evitando ter que acudir ao coche para resolver os problemas de mobilidade. Esta carencia suponlle a un veciño que viva nun concello da área aforrar un 64% do custo do transporte. En termos globais o importe que lle correspondería anualmente de subvención do transporte á área de Vigo sería 4 millóns de euros, dos que 3,2 millóns serían achegados pola Xunta de Galicia. Dende o ano 2005, lévase deixado de aportar ao sistema de transporte colectivo mais de 12 millóns de euros, o que repercute directamente na renda per cápita de toda esta poboación.

Os temas abordados recolléronse no manifesto “Por unha mobilidade efectiva na área metropolitana de Vigo” que se achega.

Os colectivos asistentes acordaron unanimemente trasladar estas reivindicacións ás administracións públicas competentes co obxectivo prioritario de que se chegue a un acordo inmediato sobre o que sería unha das principais necesidades dunha poboación de preto de 500.000 habitantes. Tamén no manifesto quedan recollido os citados acordos.

 

Antón Sánchez

Responsable Infraestruturas

689400783

MANIFESTAMOS

O medio millón de veciños e veciñas da Área Metropolitana de Vigo temos dereito a un trato igual en termos de mobilidade cós restantes veciños e veciñas das Áreas metropolitanas de Galicia e do resto do Estado.

Mostras do agravio que estamos vivindo son:

  1. A Xunta de Galicia e os Concellos da Área metropolitana levan dende o ano 2005 sen asinar o “Convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia na Área Metropolitana de Vigo”. Descoñecemos o motivo polo que este convenio foi asinado en 2005 por parte do Sr. Núñez Feijoo coas Áreas de Ferrol e da Coruña e pola Sra. Caride coa Área de Santiago, e non houbo capacidade para facelo na Área de Vigo.

Este feito supón, para a veciñanza da área de Vigo, deixar de percibir en 2009 un total de 3,2 millóns de euros en subvencións ao seu transporte público por parte da Xunta e 550.000 euros por parte dos concellos. Considerando que o retraso ven dende o ano 2005, lévase renunciado a máis de 12 millóns de euros.

  1. Nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia de 2010 o goberno da Xunta rebaixou de 15 millóns a 12 millóns o importe previsto a transporte público. Chámanos a atención que eses 3 millóns de diferenza coincidan co importe que lle corresponde á Área Metropolitana de Vigo. Significa que xa se conta con que non se asine o convenio?.

Esta rebaixa, ademais, contrasta cos anuncios de investimentos por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en programas, por exemplo, de redución da velocidade máxima en accesos urbanos e de redución da contaminación acústica por importe de 24 millóns de euros. Consideramos que a aposta pola efectiva mobilidade a través de transporte público debería ser a primeira prioridade, deixando outras accións complementarias para mais adiante.

  1. O Concello de Vigo, na súa condición de concello cabeceira do sistema de transporte metropolitano, nin tivo nin ten unha vontade decidida por liderar a ordenación da mobilidade na Área metropolitana. Por unha banda, leva adiando a sinatura do convenio coa Xunta, primeiro nas negociacións de 2005 e, agora, nas que estaban abertas en 2008. Por outra banda, a principios de 2009 non se viu disposición de asinar o convenio específico relativo a transporte marítimo. Por último, as últimas medidas aprobadas van encamiñadas a: realizar 11 parkings na cidade e, polo tanto, seguir apostando polo transporte privado; dificultar o acceso ao centro urbano sen ter revisado o sistema de transporte urbano –a pesar da insistencia que o movemento veciñal de Vigo lle ten realizado-; e non ter iniciado as accións de implantación de aparcadoiros disuasorios á entrada da cidade e ben conectados co transporte público como se recolle no Plan Xeral de Ordenación Urbano dende os seus primeiros borradores.
  2. Os concellos da Área metropolitana non están priorizando un tema de capital transcendencia para os seus veciños e veciñas dende o momento en que consideran excesivo as bonificacións que teñen que asumir do transporte interurbano. Tamén a priorización dos seus orzamentos resulta fundamental.
  3. O Presidente da Xunta de Galicia, na súa visita recente ao Morrazo, deixou claro que a experiencia piloto, acordada no anterior goberno autonómico, dun sistema tarifario integrado prevista para o Transporte de Ría queda adiado ata que se poña en marcha o transporte metropolitano e o billete único na Área metropolitana. Se isto non se produce axiña, suporía poñer en risco a subsistencia do propio de transporte de ría.
  4. O avance logrado coa supresión da peaxe na Ponte de Rande que comunica Cangas e Moaña con Vigo e co resto da Área metropolitana, non tivo continuidade para casos igualmente metropolitanos como son Chapela-Redondela, Porriño, Vincios, Gondomar, Nigrán ou Baiona. Esta situación resulta sorprendente cando se pode comprobar como as estradas autonómicas están colapsadas mentres as autoestradas están infraempregadas.
  5. A ausencia de coordinación do transporte interurbano co transporte urbano de Vigo fai que os primeiros se introduzan no casco urbano de Vigo sen dar atención a usuarios, impedindo que se poida incrementar a súa frecuencia e reducir a duración dos percorridos. Isto, engadido á ausencia de bonificación por realizar transbordos e ás malas condicións das paradas de autobuses ou á ausencia de intercambiadores, leva a que compense o emprego do vehículo privado. Algo está fallando claramente: semella que a presión das concesións prima sobre a necesidade dos usuarios e usuarias.
  6. O abandono, e mesmo desmantelamento, das vías férreas de proximidade por parte do Goberno central, sen actuación decidida da Xunta de Galicia, fan que unha alternativa respectuosa co medio ambiente e rápida para a mobilidade corra o risco de desaparecer. Non entendemos porqué noutras comunidades autónomas teñen resolto este tema dende hai tempo ou están recibindo inxentes cantidades de fondos dende o goberno central.

 

ACORDAMOS

Diante de todo o exposto, o MOVEMENTO VECIÑAL DA ÁREA METROPOLITANA DE VIGO:

  1. Esixe que no primeiro trimestre de 2010 estea asinado o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e os Concellos da área metropolitana para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia na área de Vigo.

Este convenio ha de incluír tanto o transporte público por estrada como o transporte de ría, creando a correspondente sección do transporte marítimo, contemplando á incorporación do transporte ferroviario de proximidade á maior brevidade posible.

Tamén ten que levar asociado un Plan de mobilidade metropolitano no que se contemplen medidas correctoras ás deficiencias expostas e outras que poidan existir e se establezan calendarios de cumprimento, así como a creación da Comisión de Mobilidade da Área Metropolitana na que teñan representación as federacións veciñais dos concellos implicados.

  1. Comprométese a promover cantas accións sexan necesarias nos distintos concellos da área metropolitana, entre as que cabe destacar a presentación de mocións, a solicitude de convocatorias das comisións municipais de transporte, etc.
  2. Ten previsto solicitar unha entrevista co Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Transporte para presentar, á maior brevidade, as demandas do movemento veciñal da área metropolitana e recabar os compromisos deste departamento autonómico que satisfagan estas demandas.
  3. Dar a coñecer á cidadanía da área metropolitana a situación do transporte público en www.areavigo.org, e, no caso de percibir o incumprimento do acordo a) no tempo establecido ou a falla de receptividade por parte dos responsables políticos das distintas administracións ás propostas realizadas, propór accións de mobilización cidadá.

Suscribirse ao rss

Arquivado en: Sen categorizar     
Non hai comentarios aínda   



Convocatoria as Asociación Veciñais da Área Metropolitana para crear o Comité de Campaña.

Publicado o 23 de Novembro de 2009   
23
Nov
  • DATA E HORA: SÁBADO, 28 DE NOVEMBRO. 10:00
  • LUGAR: SALA DE CONFERENCIAS CENTRO CULTURAL CAIXANOVA (Policarpo Sanz 13, Vigo)
  • CONTACTO: 986 223067. Persoa de contacto: Laura
  • Fainos chegar as túas aportacións

Estimad@s Compañeir@s:

Dende o pasado 8 de outubro a Federación Veciñal “Eduardo Chao” de Vigo puxo en marcha unha campaña de mobilidade, baixo o lema “Por unha mobilidade efectiva”.

Reunidas todas as Federacións da Área Metropolitana de Vigo (Federación Veciñal “O Facho” – Cangas do Morrazo, Federación Veciñal “A Chamusca” – Moaña, Federación Veciñal “Pedra dos Acordos” – Val Miñor, Federación Veciñal “Eduardo Chao” – Vigo), que forman parte da Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” (COGAVE) acordaron crear un Comité de Campaña que comezara o seu traballo o próximo sábado, 28 de novembro, ás 10.00h na Sala de Conferencias do Centro Cultural Caixanova cunha xornada de traballo para tratar a mobilidade na área metropolitana. Por tal motivo, gustaríanos contar coa súa presenza e opinión ao respecto.

XORNADA

ORDE DO DÍA

  • Presentación da Xornada
  • O Transporte na área metropolitana: debate e propostas (*)
  • Aprobación do manifesto “Pola mobilidade efectiva na área metropolitana de Vigo”

(*) Para enriquecer o debate e recoller propostas por parte das asociacións veciñais participantes, achegamos unha enquisa que podedes cubrir por internet  ou remitir a Federación Veciñal “Eduardo Chao” (Praza da Princesa nº 7-2º, 36202 Vigo)

As vosas aportacións son moi importantes para poder traballar neste tema.

Sen outro particular, recibide un cordial saúdo.

En Vigo a 19 de novembro de 2009.

Suscribirse ao rss

Arquivado en: Sen categorizar     
Non hai comentarios aínda   



As federacións veciñais da área metropolitana de Vigo levarán a cabo unha campaña conxunta para reivindicar a creación urxente do transporte metropolitano

Publicado o 19 de Novembro de 2009   
19
Nov

O obxectivo é que no primeiro trimestre de 2010 entre en funcionamento o transporte metropolitano na área de Vigo como xa presta servizo en A Coruña, Santiago ou Ferrol .

O 28 de novembro levarase a cabo unha xornada de traballo con todas as asociacións veciñais da área metropolitana para analizar a situación e poñer riba da mesa as problemáticas e necesidades da veciñanza da área de Vigo.

As federación veciñais constituídas na área metropolitana:

  • Federación Veciñal “O Facho” – Cangas do Morrazo
  • Federación Veciñal “A Chamusca” – Moaña
  • Federación Veciñal “Pedra dos Acordos” – Val Miñor e
  • Federación Veciñal “Eduardo Chao” – Vigo

amosaron hoxe en rolda de prensa a súa preocupación polo retraso na creación do transporte metropolitano e denunciaron o grave prexuizo supón para a veciñanza de toda a área.

Para que o transporte metropolitano sexa unha prioridade e se materialice de xeito inmediato as federacións veciñais constituídas na área metropolitana de Vigo acordaron crear un comité de campaña que promoverá as seguintes actuacións:

  • Convocar a unha XORNADA DE TRABALLO a todas as asociacións veciñais da Área metropolitana para o vindeiro SÁBADO 28 DE NOVEMBRO, ás 10:00 da mañá na Sala de Conferencias do Centro Cultural Caixanova (Policarpo Sanz nº 13, Vigo). Nesas xornadas darase a coñecer en profundidade a situación descrita e someterase a aprobación un manifesto “POLA MOBILIDADE EFECTIVA NA ÁREA METROPOLITANA DE VIGO”.
  • ESIXIR QUE NO PRIMIERO TRIMESTRE DE 2010 ESTE ASINADO O CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE A XUNTA DE GALICIA E OS CONCELLOS DA ÁREA METROPOLITANA PARA O DESENVOLVEMENTO CONXUNTO DO TRANSPORTE METROPOLITANO DE GALICIA NA ÁREA DE VIGO.
  • Promover CANTAS ACCIÓNS SEXAN NECESARIAS NOS DISTINTOS CONCELLOS DA ÁREA METROPOLITANA. Particularmente, no Concello de Vigo vaise solicitar formalmente a convocatoria da Comisión municipal de transporte para abordar este tema e solicitar información da posición do Concello de Vigo.
  • Solicitar unha ENTREVISTA COA CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E TRANSPORTE para dar a coñecer as demandas do movemento veciñal da área metropolitana e recabar información detallada dos propósitos deste departamento autonómico.

Por último, dar a coñecer á cidadanía da área metropolitana a situación do transporte público. Nela abrirase un espazo para que os veciños e veciñas conten os seus casos e as entidades veciñais e outros colectivos realicen as súas propostas como se está a facer en Vigo.

Suscribirse ao rss

Arquivado en: Sen categorizar     
Non hai comentarios aínda   



  • Artigos Novos
  • Comentarios Novos
  • + Comentados
  • Os veciños e veciñas da área perderon mais de 12 millóns de euros en axudas ao transporte público por falta de acordo entre a Xunta de Galicia e os Concellos da área.
  • Convocatoria as Asociación Veciñais da Área Metropolitana para crear o Comité de Campaña.
  • As federacións veciñais da área metropolitana de Vigo levarán a cabo unha campaña conxunta para reivindicar a creación urxente do transporte metropolitano
  • Keine Kommentare vorhanden.

RSS En Vigo non imos esperar máis

    • O novo Plan de Tráfico debe contar coa participación das forzas vivas da cidade e contemplar a creación do Transporte Metropolitano
    • Unha cidade da envergadura de Vigo non pode permitirse ter un servizo de transporte público tan precario
    • A nova humanización da Porta do Sol no fixo senón empeorar a mobilidade e servizos na zona
    • O movemento veciñal da área de Vigo reúnese este sábado para afondar no transporte metropolitano
    • A solución para dar saída ás prazas de residentes dos novos parkings é a baixada significativa dos prezos das concesións

©2010 Transporte Metropolitano de Vigo